BIRMANIA: DA INDEPENDENCIA Á OPRESIÓN MILITAR
Voltar

por Eloy Isorna Artime

El TEXTO abajo es reproducción del artículo publicado en 1998 en el número 3 de la revista gallega "TEMPO EXTERIOR" (Galicia -España) pues, aunque se han producido algunos cambios en los nombres y las personas, sigue vigente la dictadura en Birmania bajo una Junta Militar que se sucede así misma desde 1962.

Saiba mais sobre a vida de Aung San Suu Kyi visitando o site http://www.mujereshoy.com/secciones/2716.shtml

************************************************************************

Ó lembrar, nas liñas que seguen, algúns aspectos significativos da historia e da problemática situación actual de Birmania (coñecida oficialmente co nome de Mianmar dende maio de 1989), facémolo coa firme esperanza de que a coincidencia do cincuenta aniversario da súa constitución como estado independiente co tamén cincuenta aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, aprobada pola Asemblea Xeral da ONU o 10 de decembro de 1948, contribúa a mover vontades e a remover obstáculos para que o pobo de Birmania logre a convivencia pacífica, en democracia e con respecto ós dereitos humanos, á que lexitimamente aspira, liderado pola Premio Nobel da Paz de 1991, Aung San Suu Kyi.

Situada no sueste asiático, Birmania limita con China, Laos, Tailandia, India e Bangladesh e o Golfo de Bengala. Ocupa unha extensión de 676.552 km2, e ten unha poboación que se estimaba, en 1992-93, en 42,3 millóns de habitantes, dos que o 68,96% son birmanos. Acolle 135 grupos étnicos. Son máis de cen as linguas que se falan neste marabilloso país no que, ademais dos birmanos, hai seis grandes pobos que teñen estados administrativos independentes; son os seguintes: chin, kachin, kayah, mon, arakaneses e shan.

Os británicos apoderáronse de Birmania en tres campañas militares, iniciadas a partir do ano 1826 e que culminaron en 1885. Foi ocupada polos xaponeses en 1942, durante a Segunda Guerra Mundial, e reconquistada polos ingleses en 1945.

O 4 de xaneiro de 1948 produciuse a transferencia do poder británico como consecuencia directa do acordo, asinado o 17 de outubro de 1947, entre o primeiro ministro birmano U Nu e Clement Attlee. Nel recoñecíase expresamente a independencia deste novo país no Sueste Asiático que nacía co nome de Unión Birmana (Unión of Burma). O acordo de independencia fora ratificado o 10 de decembro de 1947 polo Parlamento Británico.

Entre as personalidades que se forxaron nestas vicisitudes cabe destacar, de forma especial, a U Nu e a Aung San. A morte prematura deste último ós 32 anos, o 19 de Xuño de 1947, nun atentado; a súa destacada loita, con diversidade de alianzas, pola independencia de Birmania e, probablemente, a súa propia personalidade rexa e forxada en anos especialmente difíciles e turbulentos, contribuíron a facer del o gran pai da patria; o heroe por excelencia de Birmania ó que se conmemora anualmente cada 19 de xuño no chamado "Día dos Mártires".

A consecución da independencia non lle trouxo a Birmania nin a paz, nin o progreso, nin a felicidade. Esa independencia da metrópole, que deu nacemento á Unión Birmana nun ambiente democrático e preñado de esperanzas no futuro, logo se viu truncada polo segundo golpe de Estado (o primeiro produciuse en 1958) do Xeneral Ne Win, que se produciu en 1962 e que derrocou o leíxitimo goberno, presidido por U Nu, froito das eleccións democráticas celebradas en 1960. A partir dese momento estableceuse unha dictadura militar de carácter socializante e con partido único. Foron, de 1948 a 1962, soamente 15 anos de independencia en liberdade e en democracia.

Os sucesos de 1988 e o papel de Suu Kyi

En 1988 producíronse importantes manifestacións de protesta contra o réxime totalitario militar imperante en Birmania. Houbo unha forte represión. Producíronse moitos mortos e milleiros de persoas tiveron que fuxir e refuxiarse noutros países ou nas zonas montañosas do leste, límitrofes con Tailandia.

A crise política na que derivaron estes acontecementos e a repercusión internacional que tiveron levaron ós dirixentes militares a anunciar a celebración de eleccións democráticas, probablemente coa pretensión de que fosen "gañadas" polo réxime. Non contaban con que, por aqueles días, a filla do heroe da independencia birmana, Aung San, chamada Aung San Kyi, voltara a Birmania para coidar da súa nai enferma e, tomando conciencia da lamentable situación do seu país, non dubidou en involucrarse directamente na loita pacífica pola democracia e o respecto ós dereitos humanos. Así que fundou, co propósito de presentarse ás eleccións, un partido político chamado "Liga Nacional para a Democracia" (NLD).

Sospeitando que o partido liderado por Suu Kyi puidese atraer moitos votos, o 20 de xullo de 1989 a dictadura militar birmana decidiu recluíla baixo estricto arresto domiciliario e prohibiulle presentarse ás eleccións, aínda que se mantivo, non obstante, a validez da convocatoria.

As eleccións celebráronse o 27 de maio de 1990 e foron gañadas polo partido liderado por Suu Kyi, que obtivo 392 dos 485 escanos en liza, malia que a propia Suu non pudo ser presentada como candidata.

A Xunta Militar, que goberna Birmania baixo o significativo nome de Consello de Estado para a Restauración da Ley e a Orde (SLORC: State Law and Order Restoration Council) non recoñeceu, dende entón, os resultados desas eleccións e mantivo a Suu Kyi baixo estricto arresto domiciliario ata o 15 de xullo de 1995. En 1990 o Parlamento Europeo otorgoulle a Aung San Suu Kyi o premio "Sajarov" e en 1991 foi galardoada co Premio Nobel da Paz.

Suu Kyi foi liberada do seu arresto domiciliario en 1995 por intereses da Xunta Militar imperante (necesitaba propiciar unha mellor imaxe internacional e atraer turismo, investimentos e divisas). Iso non significou nin a chegada da democracia, nin o respecto ós dereitos humanos dos birmanos (que en moitos casos viven en situacións de verdadeira escravitude), nin o recoñecemento do resultado das eleccións de 1990, nin a liberdade total de Suu Kyi, que continúa separada do seu marido, Michael Aris, e dos seus dous fillos, Alexander e Kim, residentes en Inglaterra.

O sometemento do pobo birmano a verdadeiradas formas de explotación escravista por parte dos seus propios dirixentes, a falta de democracia, a falta de respecto ós dereitos humanos en que vive o país, foron postos de relevo en numerosas ocasións por diversas instancias internacionais coma a ONU, a Unión Europea e Amnistía Internacional. Establecéronse sancións por estas actitudes de abuso da Xunta Militar, pero a prepotencia desta non semella ter fin.

Un difícil camiño a percorrer

A situación actual de Birmania, o seu momento histórico concreto e as posibilidades reais de evolución razoable cara a un réxime democrático e de respecto ós dereitos humanos non poderán avaliarse a fondo sen ter en conta que a actual conxuntura funde as súas raíces na propia historia do país e en espurios intereses do seu estamento dirixente na actualidade. Por iso debemos resaltar a dificultade do empeño de Aung San Suu Kyi en lograr, por medios pacíficos, unha saída da dictadura e unha evolución cara a un réxime democrático que obteña un consenso xeneralizado e a importancia de que a súa loita consiga o respaldo dos gobernos democráticos.

Pero o respaldo destes gobernos non se producirá coa contundencia e eficacia necesarias (dado que non teñen intereses económicos nin especialmente estratéxicos en xogo) se non existe unha opinión pública nos seus respectivos países que lles esixa e os impulse á acción neste punto. De aquí a importancia de que a realidade penosa que hoxe vive o pobo birmano sexa coñecida, cada vez máis e mellor, por un número crecente de cidadáns que, coa súa esixencia, eviten que os gobernos dos seus respectivos países teñan oídos xordos e miren para outro lado.

Algúns dos aspectos salientables, que configuran a realidade de Birmania e que deberán ser tidos en consideración para poder alumear camiños razoables e prácticos de futuro cara á democracia e o respecto dos dereitos humanos, son, ó meu entender, entre outros, os seguintes:

1. Un país historicamente invertebrado que acadou a súa conxunción política, de certa estabilidade, baixo o dominio colonialista dos británicos, a finais do século XIX, e no que aínda hoxe algúns pobos, coma os Karen, loitan pola súa independencia.

2. Un país composto por multitude de pobos, con diversidade de costumes, crenzas e linguas, segundo puxemos de manifesto anteriormente.

3. Un país no que o exército xogou un papel primordial como "liberador" do dominio británico (inicialmente co apoio xaponés), e, posteriormente, como liberador do "dominio" xaponés (co apoio dos británicos e das Forzas Aliadas ó remate da Segunda Guerra Mundial). Conseguintemente, un país educado no militarismo e a forza do exército e que ten por heroe nacional a Aung San, un dos Trinta Camaradas que deron orixe ó exército birmano.

4. Un país con predominio das crenzas budistas e a filosofía da vida que iso comporta. Neste senso é de destacar a extraordinaria labor de Suu Kyi ó poñer de manifesto que os conceptos de democracia e respecto ós dereitos humanos son universais, insertos nas propias esencias do ensino budista, e non soamente conceptos "occidentais", como pretendeu a propaganda oficial da Xunta Militar.

5. Un país sometido a tantos anos de falta de democracia (realmente só 15 anos viviu nun réxime de democracia moderna) que non tivo ocasión de formarse nos valores da convivencia democrática nin de vivir as esixencias prácticas e cotiás do seu desenvolvemento.

6. Un país en grave crise económica e que dedica unha importante partida do seu orzamento a gastos militares.

Indubidablemente, Aung San Suu Kyi, filla do fundador do exército birmano e heroe nacional Aung San, budista, birmana, pacifista e demócrata con prestixio internacional recoñecido, fundadora e líder da NLD, muller sacrificada e de enorme forza interior, reúne na súa persoa características obxectivas e subxectivas que a converten nunha personaxe insustituíble e única no camiño cara á democratización, a paz e o respecto ós dereitos humanos en Birmania, tendo en conta, ademáis, os trazos configuradores da realidade do país, que acabamos de sinalar. De aquí a importancia de que Suu Kyi non desfaleza nin se sinta soa na súa loita, e que conte co apoio decidido de todas as persoas de boa vontade e dos gobernos e institucións democráticas de todo o mundo. A súa loita pacífica, pero esforzada e dura, debe ser tamén a nosa loita. Se ela perde, todos perdemos.

Finalmente permítaseme lembrar algúns dos termos da condena sobre a situación de Birmania efectuada pola Unión Europea na súa Posición Común de 28 de outubro de 1996: "A Unión Europea (...) deplora a práctica da tortura, as execucións sumarias e arbitrarias, os traballos forzados, os malos tratos ás mulleres, as detencións políticas, os desprazamentos forzosos da poboación e as restriccións dos dereitos fundamentais que son a liberdade de expresión, movemento e reunión".

BIBLIOGRAFÍA

Aung San Suu Kyi. "Libres del Miedo y otros escritos". Editorial Galaxia Gutember-Círculo de Lectores. Barcelona 1994.

Aung San Suu Kyi. "The Voice of Hope". Editorial Penguin Books. Londres 1997. Existe tamén unha edición en francés do ano 1996 baixo o título "La voix du Déti", publicada por Édition Stock. (Conversas con Alan Clements).

Aung San Suu Kyi. "Letters from Burma". Editorial Penguin Books. Londres 1997. Nicholas Greenwood. "Burma then and now". Editorial Brandt Publications 1993.

Eloy Isorna. "Aung San Suu Kyi: mito, realidad y compromiso". El Correo Gallego, 14/01/96.

Eloy Isorna. "Suu Kyi: ¿aniversario feliz?". O Correo Galego, 07/07/96. Eloy Isorna. "La encrucijada birmana". El Progreso de Lugo, 10, 11 e 12 de xullo de 1996.

Aung San Suu Kyi: "Aung San of Burma". 1ª edición 1984 por The University of Queenslad Press. 2ª edición: Kiscadale Publications. Edinburgh. -

Aung San Suu Kyi: "Cartas desde Birmania". (traducción de Juan Abeleira) Editorial Circe. Barcelona (España). 1998.

Aung san Suu Kyi: "Freedom from Fear". Edición revisada da primeira edición de 1991. Editada por Penguin Books. Londres (Inglaterra) 1995.

 


Voltar